Sunday 28 de April de 2024

Máis de 50 tapas preséntanse á 3ª edición do concurso de tapas De bo dente


Terá lugar esta fin de semana e nel participarán máis de 20 bares e restaurantes de Ordes. Os gañadores serán escollidos pola propia clientela

Máis de 50 tapas realizadas con todo tipo de ingredientes competirán esta fin de semana en Ordes por alzarse co premio da que xa é a terceira edición do concurso temático De bo dente. Ao longo dos vindeiros 7, 8 e 9 de xullo máis de 20 bares e restaurantes participarán na que xa é unha das citas gastronómicas de máis consideración entre veciños, veciñas e visitantes. A cita está organizada polo Concello de Ordes co fin de incentivar a cultura das tapas, á par que promove e dinamiza a hostalería.
Ragot de tenreira, Marusía, Polbazo, Crema de cervexa con xamón e queixo, O porquiño meloso, Aliñas Tikkamassala, Mini hamburguesa de porco ibérico, Bocadiños do Xapón, Chipibao, Noite de meigas, Boliño á flamenca, Sopa de ameixa, Polo e mozzarella acaramelada, Tosta de mar, Bombóns de xamón con marmelo, Piruletas Doniña, Ensalada rusa en follado ou Vaca vella son os nomes dalgunhas das creacións culinarias.
O sistema de votación será igual có de anos anteriores, sendo o público quen puntúe cada tapa a través dos boletos, para o que é imprescindible visitar un mínimo de 5 establecementos para poder optar aos agasallos e premios. Haberá tres lotes constituídos por agasallos como viaxes, cervexa, cestas de froita, vales agasallo de comercios locais, botellas de viño e 24 agasallos sorpresa. As tres tapas con maior puntuación recibirán unha dotación económica e unha botella Mágnum Costeira cada unha delas. O acto de entrega de todos estes lotes terá lugar o 22 de xullo en horario de mañá, nun acto que se desenvolverá na Praza de Abastos.
Os bares e restaurantes que participan na edición deste ano son: EL TÚNEL, A BARRICA ADEGA, MESÓN O SÓTANO, CERVEXERÍA ISLIA, CERVEXERÍA P.J., FACTORÍA DOCE, CAFÉ – BAR O MERCADO, PARRILLADA O RANCHO, EL PUENTE, CERVEXERÍA O 27, ABACCO, FEITIZO, LITTLE COFFEE, BIRROTECA SOUL FOOD, BLACK & WHITE, CAFETERÍA SAN ROQUE, EL SALÓN, CAFETERÍA DONIÑA, BAR MARAL, PIZZERÍA-TAPERÍA A SELLA e BAR CORREOS.
No concurso tamén colaboran froitería A Nova, perruquería Stilos, centro de estética D´Chus, zapatería Sanmede, Carma zapatería, tenda de roupa Chic, Sportec, carnicería Ignacio e almacéns Cancela S.L. Patrocinan a Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes e Estrella Galicia.